Enclavado este santuario nas
inmediacións do Alto da Xesta, no Concello de Abadín, son moitas as persoas de
ambas comarcas que acoden a este santuario situado na Parroquia de Galgao, paso
tamén da ruta xacobea do Camiño Norte. Van a pé moitos, pero tamén en coche, a
celebrar a festa do San Cosme da Montaña xentes das terras de Mondoñedo e Abadín,
pero tamén doutros concellos como Vilalba, Cospeito, Pastoriza, Xermade...
Na
romaría, que se celebra o 27 de Setembro,
acoden moi cedo os primeiros romeiros e devotos, dando voltas ao santuario con
velas e imaxes relixiosas. Móntanse ese día postos de venda de cirios, aínda
que tamén de comida e bebida, roupa, etc...
Os
romeiros piden pola curación de xente
enferma (ben a título propio ou por outra persoa) acudindo con exvotos de
cera, representacións da parte do corpo afectada. Tamén se inclúe ao gando
levando exvotos de cera. Outras peticións comúns son o bo parto das
embarazadas, a casa, o traballo... Para iso celébranse tamén misas e procesións
e, antigamente, o 26 de Setembro, San Damián (San Cosme e San Damián son a
parella dos santos médicos), bendicíanse
os animais.
Existen
testemuñas que avalan que xa no século X
venerábase a San Cosme en Abadín, pero non onde hoxe se celebra, senón no
monte chamado Os Samordás. Uns din que aquel santuario quedábase pequeno e de
difícil acceso, polo que se decidiu facer un novo onde hoxe se celebra. Este
novo santuario foi aberto ao culto un 25 de Setembro de 1925. Anteriormente a
isto, o santo disque “desaparecía” de alí (do antigo santuario) e era atopado
neste novo enclave, crendo que por desexo divino desexaba ser trasladado. Non
obstante, existe tamén outra versión relacionada segundo a cal o desexo foi
máis ben de xentes bastante influíntes da parroquia que costearon o novo
templo; pero ocorre agora o contrario, o santo desaparece do novo santuario e
aparece na súa anterior capela, como se agora se opuxese ao cambio. Logo
descubriuse que era un veciño de Samordás quen realizaba este “transporte” do
santo. Sexa como fora, o certo é que o lugar cambiou moito co tempo, rodeado
agora, por poñer un exemplo, polos enlaces da A-8, a Autovía do Cantábrico.
Por
destacar algún elemento significativo do santuario do San Cosme, o máis
chamativo podería ser o LIMOSNEIRO,
situado na capela lateral dereita. Ten un furadiño con unha tapa de madeira que
se abre aos lados e permite aos romeiros votar as esmolas e ver os santos. É
significativo tamén, como en tantos templos, o CRUCEIRO de pedra que está no campo, con Cristo a un lado e a
Piedade ao outro ao igual que outras interesantes figuras e inscricións.
Para
rematar, simplemente comentar que a forma de vivir dos fieis cos seus
elementos: procesións, imaxes, a forma de levalas, exvotos, oracións,
esmolas..., forman parte da relixiosidade popular que se foi desenvolvendo ao
longo dos tempos ata os nosos días e que deben permanecer na idiosincrasia do
pobo cristián.
Cristóbal
Rivas Díaz
(Máis información
nos artigos do autor José Manuel Blanco Prado en Galicia Dixital)
No hay comentarios:
Publicar un comentario